“O Goberno galego dálle máxima importancia e prioridade ás novas tecnoloxías”, afirma o secretario xeral de Medios da Xunta, Alfonso Cabaleiro, con motivo da celebración do primeiro ano en papel de Xornal de Galicia e do décimo aniversario de Xornal.com. “Por primeira vez estamos contando con estes medios á hora de facer as insercións publicitarias”, dixo Cabaleiro en resposta á pregunta de Xaime Calviño, que acodiu como invitado ao Café de Redacción de Xornal en representación de Dez Comunicación.
O máximo responsable autonómico no eido da comunicación debullou o novo panorama audiovisual galego coa implantación da TDT. “En tres ou catro meses os galegos verán 25 ou 30 canles, que é un cambio absoluto”, dixo. Tamén é partidario de manter unha televisión pública -TVG- con publicidade porque considera que a canle autonómica é a saída natural de moitas empresas do país, ademáis dunha necesidade para promove-la lingua galega no mercado. O uso do galego é, precisamente, un dos baremos que quere empregar para unhas axudas á prensa escrita “que deben pasar polo DOG e ser todas transparentes”.
Cabaleiro abondou nas futuras reformas das leis da CRTVG e o Audiovisual. “Ademais, tamén queremos levar a Lei de Publicidade Institucional ao Parlamento”, salientou. O panorama complétase coa concesión de 77 emisoras de FM. “Non chegarán as novas frecuencias para legalizar todas as emisoras ilegais”, engadiu. Tamén lembrou que as licencias de televisións dixitais locais e autonómicas teñen un ano de prazo.
